MSN potencia o seu portal español de contidos informativos

xoves, 4 de outubro do 2007 Marcus Fernández

Onte presentaron en Madrid as novidades do portal de Microsoft para España, que reforzará os seus contidos informativos con MSN Directo, portal no que se publicarán distintos contidos temáticos distribuídos en canles de economía, lecer, motor, novas, deportes e estilo e tendencias.
Para esta nova aposta polos contidos en MSN traballaron durante 18 meses e incrementaron o seu cadro de persoal un 50%, e tamén pretenden competir con YouTube integrando vídeos.
Os contidos chegan de provedores como Antena 3 (que achega a información da canle de novas) para o que pecharon alianzas con líderes de medios estatais e internacionais, pero que eles se encargan de empaquetar para facelos chegar ós seus usuarios do mellor xeito, afirmando o director xeral de MSN Windows Live, Juan Carlos Fernández, que non queren «pendurar de xeito automática as novas das empresas especializadas», marcando a diferenza con outras plataformas semellantes.
Entre as novidades anunciadas están un mapa mundi interactivo que permite buscar novas dun xeito doado, un servizo con información financeira en tempo real (que inclúe datos dos mercados bolsistas de 15 países), un xestor de carteiras con alertas asociadas a Windows Live Messenger, retransmisións en directo de partidos de fútbol (quedan por pechar os acordos de dereitos de imaxe correspondentes) ou retransmisións de concertos en directo.
Tamén anunciaron que preparan un Especial Eleccións Xerais e unha versión móbil do portal.