Máis de 700 persoas seguiron en Zona Franca a xornada Experiencia Grow Up con Google España
xoves, 20 de outubro do 2022
A
Zona Franca de Vigo e ClickAge organizaron este xoves 20 de outubro
unha xornada para mostrar as últimas tendencias da mercadotecnia
dixital con vistas a incrementar a presenza do noso negocio no mundo.
Na
xornada Experiencia Grow Up participaron máis de 700 persoas.
Contouse coa colaboración de Google España. Concretamente,
interviñeron especialistas da multinacional tecnolóxica como o
xerente de desenvolvemento de Google España, Gonzalo Travesedo ou a
estratega de conta de Google Ads, Rocío Beltrán.
O
delegado do Estado, David Regades, deulles a benvida e explicou que
“a xornada serve para poñerse ao día en mercadotecnia dixital a
calquera tipo de empresa, tanto se é unha startup, coma se é
unha empresa que se quere dixitalizar ou se está a dar o paso á
internacionalización”. Neste sentido sinalou que “desde Zona
Franca envorcámonos en axudar ás empresas para avanzar na
dixitalización e de feito organizamos varias actividades con Red.es
e o Goberno de España para difundir as axudas do Kit Dixital”.
En
Experiencia Grow Up, que se puido seguir tanto de forma presencial
como en streaming, participaron relatoras de empresas
punteiras, ademais de Google, tamén outras compañías como
ClickAge, Opositatest, Metricool e tamén Oct8ne.
Os
eixos dos relatorios viraron ao redor da unión do negocio físico co
dixital; da importancia do factor omnicanle e a tendencia de situar
ao usuario no centro da actividade de mercadotecnia; de como a
Intelixencia Artificial recorre a sofisticados algoritmos predicindo
cal é a acción correcta para cada caso en particular; da análise
de datos para unha correcta toma de decisións; de como comunicarnos
co noso público obxectivo nas diferentes redes sociais; de como
atraer a atención do usuario cara á nosa marca ou transformar
visitantes en clientes. Así mesmo, puideron verse algúns casos de
éxito, como o de Casa Grande de Xanceda, e tamén a experiencia de
Opositatest.
Para
Emanuele Ricciotti, director executivo (CEO) de ClickAge e un dos
participantes no evento, “foi un momento de crecemento puro. A
participación no evento demostrou o acerto no formato”. Ademais,
Emanuele engadiu que “os relatorios foron moi enriquecedores con
casos de éxito de empresas punteiras. Por unha banda, os asistentes
puideron aprender e levar a casa unha bagaxe de tips preciosos e,
doutra banda coñeceron máis de preto actores que poden axudarlle a
sobresaír nas súas accións dixitais”.
Experiencia
Grow Up é a rede que reúne a profesionais dos negocios dixitais, da
mercadotecnia e a tecnoloxía, con ganas de ensinar e aprender
compartindo as súas experiencias profesionais.