Máis de cincocentas obras de Roxelio Groba poderán ser consultadas por Internet
venres, 19 de decembro do 2008
O Arquivo
Nacional maila Biblioteca Nacional de Galicia veñen de anunciar que, en breve,
van incorporar aos seus fondos un total de 534 composicións da obra do artista
galego Roxelio Groba para seren consultados a través de Internet por calquera
interesado.
Este autor, un
dos “referentes na música culta da nosa
comunidade” foi un dos encargados de asinar o convenio de colaboración da Fundación Roxelio Groba coas
Consellarías de Cultura e Vivenda, para “impulsar
o proceso de dixitalización” das súas obras e “dotar dun local á entidade que el mesmo preside”.
A conselleira de
Cultura da Xunta de Galicia, Ánxela Bugallo, maila titular de Vivenda, Teresa
Táboas, foron as representantes de cadanseu organismo para a sinatura do
devandito convenio, que achegará 56.000 euros para levar a cabo este proceso de
“conservación e difusión da nosa
cultura”.
O catálogo foi
presentado a comezos de ano pola Fundación Roxelio Groba e, en palabras do
propio artista, representa “o legado
compositivo” onde destacan a ópera Floralba,
as cantatas Xacobea e Un pobo sen destino;
ou o concerto Confidencias.
O proceso forma
parte do Programa de Dixitalización dos Fondos Bibliográficos e Documentais de
Galicia e ten como principal obxectivo, “incorporar
a cultura galega na sociedade do coñecemento”.
Na imaxe, Teresa
Táboa e Roxelio Groba na rolda de prensa de presentación do convenio, obtida da
web de El Correo Gallego.
