Máis do 91% dos fogares do noso rural teñen contratados servizos de banda larga

luns, 29 de decembro do 2025 Redacción

O acceso á Internet é xa case total no rural galego entre a poboación de 16 a 54 anos, e máis do 91 % dos fogares destas zonas teñen contratados servizos de banda larga, segundo recolle o informe Galicia Dixital: A modernización tecnolóxica no rural – Edición 2024, feito público hoxe OSIMGA.
Os datos amosan que a conectividade e os usos dixitais continúan avanzando a bo ritmo, estreitando progresivamente a distancia coas áreas urbanas. O documento certifica ese progreso sostido nos concellos rurais de Galicia e analiza aspectos como o equipamento tecnolóxico nos fogares, a contratación da Internet e banda larga, os usos da Rede, o comercio electrónico e a relación dixital coa Administración pública. O estudo apoiase en microdatos da Enquisa Estrutural a Fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE) e na clasificación do grao de urbanización conforme á metodoloxía de Eurostat.

Máis fogares equipados con ordenador e dispositivos

Nos últimos anos, o equipamento informático nos fogares do rural galego medrou de maneira significativa. Segundo o informe, a dispoñibilidade de ordenador (de sobremesa ou portátil) e doutros dispositivos como tablets é cada vez máis frecuente, ata situarse preto dos rexistros das zonas urbanas. Esta evolución confirma o avance da dixitalización no rural, aínda que persisten diferenzas internas que cómpre considerar.

A conectividade afírmase como servizo básico

Contratación de banda larga no rural por áreas

No ano 2024, a contratación da Internet e banda larga no rural de Galicia consolídase como un servizo esencial e acada máximos históricos. Por primeira vez supera o 91 %, concretamente o 91,9 %. Este incremento achega o rural á media galega, situada no 95,5 %, e reduce de maneira apreciable a fenda coa contorna urbana. Ademais, nos fogares con tres ou máis membros a contratación supera o 98 %, mentres que nos fogares unipersoais descende ata o 78,5 %, o que reflicte unha conectividade amplamente estendida e en continuo crecemento.

Mocidade rural: referencia en comercio electrónico e relación coa Administración

O uso da Internet no rural galego segue a expandirse e consolídase como unha práctica habitual na maioría dos fogares. Non se aprecia fenda de xénero, xa que a porcentaxe de uso é moi similar entre homes e mulleres, lixeiramente superior entre estas últimas (o 90,6 % das mulleres do rural son usuarias da Internet). As diferenzas máis salientables están ligadas á idade. Entre os 16 e os 44 anos, practicamente a totalidade da poboación rural utiliza internet (por riba do 99 %), e no tramo de 45 a 54 anos a cifra continúa sendo moi elevada, cun 97,2 %. A partir dos 55 anos, o uso descende ata o 89,7 % e no grupo de 65 a 74 anos sitúase no 63,6 %, o que confirma que a idade segue a ser o principal factor condicionante no acceso e uso da Rede.