Máis dun centenar de profesores en enxeñaría informática comparten experiencias na USC

xoves, 8 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Acto de inauguración do encontro, fotografado por Santi Alvite

A Universidade de Santiago está a acoller estes días unha serie de encontros TIC nos que participan máis de cen docentes de enxeñería informática de todo o eido estatal. As xuntanzas, que se celebran até mañá na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), foron inauguradas este mércores polo reitor entrante Juan Casares, acompañado do seu homólogo saínte, Senén Barro. As Xornadas de Ensinanza Universitaria da Informática (JENUI2010), que van pola súa dezaseis edición, teñen un especial significado para a dita Escola, amais da súa achega informativa propiamente dita, posto que coincide co final do curso do que sairá a primeira promoción de graduadas/os nesta materia en toda España, “ao ser a USC das primeiras universidades en adaptar o título ao eido europeo da educación superior”.
Os encontros, polos que están a pasar persoeiros da docencia TIC como Juan Manuel Dorero (presidente do Capítulo Español do ACM Special Interest Group on Computer Science Education), xurdiron en 1994 como emprazamento para o intercambio de ideas e experiencias entre profesores universitarios de informática e grupos de investigación.
Segundo informa a USC, para esta convocatoria do evento reuníronse 138 propostas de comunicación, o que significa un medre do 30% respecto á anterior edición. Delas, tras un proceso de escolma, foron incluídas 70 para a súa presentación.
O seu abano temático é variado, malia basearse unha boa parte en novos métodos para formar á comunidade estudantil en novos contidos, entre os que se contan os seguintes: programación, bases de datos, seguridade, fundamentos teóricos, arquitectura de computadores ou sistemas operativos.
Asemade, tamén se están a tratar aspectos xenéricos do proceso de ensinanza, como o seguimento do alumnado ou a procura de recursos para asegurar a calidade na docencia. Nesta última liña sitúase precisamente a mesa redonda que pecha a xornada do venres, ás 11.00, moderada pola profesora Rosana Satorre e participando nela o catedrático da Universidade de Granada, José Luis Verdegay; o catedrático de escola da Universidade de Alacante, vicerreitor de Tecnoloxía e innovación educativa e membro da Comisión Executiva Sectorial TIC da CRUE, Faraón Lloréns; e a profesora da Universidade de Alacante, Rosana Satorre, que actuará como moderadora. O evento está organizado pola ETSE, a USC e a Asociación de Enseñantes Universitarios de Informática (AENUI) co patrocinio da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e Coremain.

PUBLICIDADE