Máis novidades sobre Quantum of Solace (o novo xogo de James Bond)
xoves, 3 de xullo do 2008

- Bond nunha persecución en Venecia no novo xogo
James Bond, coma o carteiro, sempre chama dúas veces. Por unha banda faino na pantalla grande co filme pendente de estrea Quantum of Solace (interpretado por Daniel Craig, logo do éxito de Casino Royale), e pola outra achégase ás videoconsolas cun xogo do mesmo nome para que ninguén se quede sen meterse na pel do espía máis sometido a estratexias de reciclaxe e posta en valor da historia, aínda que sexa pola vía virtual. O produto en cuestión, que se está a presentar (a través de textos e imaxes que van saíndo paseniño) como unha oportunidade de albiscar a face máis “letal e arteiramente eficaz” do 007, mestura a acción “intensa” en primeira persoa con combates en terceira, todo orientado a conseguir que a aventura gráfica que presenta a firma Activision sexa o máis semellante posible á realidade dunha pelexa a prol do Imperio Británico e dos valores (sexan cales sexan) que representa.
Por certo que os responsables do xogo, que estará dispoñible xa nas tendas en outono deste ano, están arestora a ceibar unha serie de imaxes coa principal finalidade de ir toleando un pouco aos seareiros e xa antes de tempo. Quantum of Solace, que está inspirado nos sistemas de xogo de Call of Duty 4, conta cunha serie de puntos ao seu favor, amais dos devanditos: gráficos de alta definición, intelixencia artificial reactiva e contornos inspirados de xeito directo en escenarios da saga cinematográfica. Asemade, cómpre sinalar que estará dispoñible nas seguintes plataformas: Xbox e Games for Windows de Microsoft, PlayStation 3, PlayStation 2, Wii de Nintendo e Nintendo DS.
