Makers de todas as orixes e idades xúntanse en Milladoiro este 2 de febreiro

venres, 26 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

Este 2 de febreiro, na Casa de Cultura do Milladoiro, temos unha cita co espírito Maker. Ou sexa, que temos un convite para tirar abaixo os atrancos que nos separan da creación tecnolóxica coas nosas propias mans, a todos e cada un de nós e sen importar, para nada, a nosa formación na devandita materia. A cita Innovames vén da man do Concello de Ames, e trátase, como dixemos, dunha xornada de innovación e argalleira (Maker). Contarase coa presenza de grandes referentes da filosofía do Do it yourself aplicada ao software, á robótica, a proxectos científicos ou a calquera tipo de enxeño, tanto a nivel galego como estatal e internacional.
Pola mañá, de 09:00 a 14:00 horas, haberá unha xornada adicada a profesionais do sector. De seguido, pola tarde, entre as 16:00 e as 20:00 horas, desenvolveranse obradoiros para nenos/as, unha exposición de proxectos da Maker Faire Galicia 2018 e demostracións de experimentos científicos. Este é o segundo evento destas características que organiza o Concello de Ames, despois do Roteiro Maker feito en decembro de 2016. Para obter máis información ou inscribirse na xornada profesional e nos obradoiros hai que acceder á web innovames.gal. Segundo informa a organización, premendo na ligazón da dereita, baixo o apartado de descargas, poderemos obter o programa de Innovames.
O obxectivo deste encontro Maker é achegar as últimas tendencias no mundo da innovación a todos os públicos, “xerando un espazo para a aprendizaxe e o diálogo, onde se comparta coñecemento e xurdan sinerxías que dean lugar a proxectos innovadores”. Esta iniciativa está composta de conferencias e mesas de debate que versan sobre a tecnoloxía, a innovación, o audiovisual e a utilización de novos materiais. Todo isto, informa o Concello, conforma o groso dunha programación que se artella en dúas xeiras. Por unha banda, a matinal, que estará dirixida exclusivamente ao sector profesional. As 09:30 realizarase a presentación do evento. De seguido, de 10:00 a 10:30 horas, contarase coa presenza de Sonia Pazos Álvarez do INL, International Iberian Nanotechnology Laboratory, que ofrecerá un relatorio sobre as posibilidades que nos outorga a nanotecnoloxía en múltiples sectores e onde presentará todo o que se está a facer neste centro de referencia internacional. No programa matinal tamén destaca a presenza de diferentes representantes das empresas asentadas no polígono do Novo Milladoiro como NanoGap, Escenoset, Cartogalicia, CineMar films ou Zenit entre outras compañías locais, que ofrecerán a súa visión particular do estado da innovación dentro dos seus diferentes sectores.
Ademais, haberá un espazo de exposición no que os asistentes poderán coñecer de primeira man exemplos da Galicia máis innovadora, coa presenza de makers galegos creadores de proxectos de innovación de referencia. Uns petiscos porán o punto final a unha sesión de networking que se dirixe a impulsar creación de sinerxías entre empresarios e argalleiros asistentes.
A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destaca que “coa creación de Innovames o Concello de Ames busca pór en valor os recursos e a capacidade de innovación da nosa Comunidade, fomentando a colaboración entre as empresas e inventores galegos, e dando a coñecer ao público xeral o capital Maker galego”.
Programa de tarde
O evento completarase cunha sesión de tarde que estará máis enfocada ao público familiar a través da programación de diferentes actividades e obradoiros orientados aos máis cativos. Celebraranse demostracións de ciencia e de realidade virtual, obradoiros de robótica e videoxogos, e habilitarase un espazo para programar aplicacións móbiles. A xeira de tarde comezará as 16:00 horas cun obradoiro de papirotrónica, dirixido a nenos e nenas de máis de 6 anos. De 18:00 a 20:00 haberá outros dous obradoiros de robótica e de programación de apps, que están dirixidos a nenos/as de máis de 8 anos.
Ademais, durante toda a tarde haberá unha exposición de proxectos da Maker Faire Galicia 2017 na que participarán as entidades 3D Limitless, MAKEROID, Arcade Pi, B.R.A.I.S., I.E.S. Sánchez Cantón, MINIMO, IOTLAB, PSICOVR, e SPAINLABS, así como demostracións de experimentos científicos.

PUBLICIDADE