Mañá ábrese a solicitude dos bonos sociais dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables

mércores, 23 de novembro do 2022 Redacción

Itegal, A túa Xanela, R, Telefónica e Movistar son os primeiros operadores en adherirse ao programa do bono social dixital

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a listaxe das entidades colaboradoras que participarán na xestión dos bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables, polo que dende mañá os cidadáns interesados poderán solicitar os bonos.
Co obxecto de facilitar o proceso de solicitude dos bonos, as persoas interesadas poden acudir ao traballador social do seu concello e este encargarase de realizar a solicitude. Os interesados poderán tamén presentar as solicitudes por vía electrónica, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos.
A iniciativa, enmarcada no programa estatal ÚNICO Bono Social, permitirá a persoas ou familias vulnerables contratar ou mellorar a conexión á banda larga fixa cunha velocidade mínima de 30 Mbps, cunha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses cun máximo de 240 euros.
Os interesados poden coñecer cales son as entidades colaboradas a través do rexistro de operadores-colaboradores, que se actualizará incorporando novos operadores até finais xuño de 2023.
Esta iniciativa conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea.
Con este fondos prevese conceder máis de 5.700 bonos polo, que de non esgotarse os bonos dispoñibles nesta primeira convocatoria, porase en marcha unha nova convocatoria para inicios do ano 2023.

PUBLICIDADE