Mañá remata a fase de propostas de investimento dos Orzamentos Participativos da Coruña

luns, 20 de maio do 2019 Redacción

A Concellería de Participación e Innovación Democrática da Coruña, Claudia Delso, informou de que este martes finaliza a primeira fase da nova edición dos Orzamentos Participativos, o programa de democracia directa posto en marcha polo goberno local mediante o cal a veciñanza decide libremente o destino dunha parte do presuposto municipal. A través dun proceso de achegas, apoios, valoración técnica e votación, a cidadanía escolle as iniciativas de gasto que pasarán a formar parte do proxecto de Orzamento Xeral do 2020.
De cara a esta edición do programa, a cuarta, destinaranse 3 millóns de euros, que se dividirán en 1 millón para o conxunto da cidade, e 2 que se redistribuirán, equitativamente, entre os 10 distritos do termo municipal, contando así con 200.000 euros por distrito. As propostas que a veciñanza pode presentar teñen que ser investimentos, de competencia municipal e que o seu custo non supere o importe máximo de 1 millón de euros nas propostas da cidade (no caso de superar o máximo de 200.000 asignado a distrito, a iniciativa reclasificarase como achega para o conxunto). Ademais, deberán ser legais e viables tecnicamente, e poderán abranguer numerosos ámbitos, como infraestruturas, medio ambiente, mobilidade, coidados e servizos sociais, turismo, emprego, cultura, deporte, promoción social, igualdade, saúde ou promoción económica, entre outros.
Todas as persoas empadroadas na Coruña e maiores de 16 anos poden presentar as súas propostas a través da páxina web A Porta Aberta, que sustenta o proceso, e na que se poden consultar as achegas que se recibiron desde o 25 de abril, así como os proxectos e o seu estado de execución que se levaron a cabo noutras edicións. Para poder propoñer, priorizar ou votar as propostas, é necesario ter cunha conta de usuaria do portal. As persoas que xa participaron noutras edicións non terán que crear un perfil novo, e todas aquelas que teñan dúbidas para acceder ou crear unha conta, poden solicitar colaboración no teléfono de atención cidadá 010. Ademais, como é habitual, e de cara a favorecer a participación, o Concello conta con puntos de apoio presencial, como son as bibliotecas municipais, os centros cívicos, o CMIX e a Federación de Asociacións Veciñais de A Coruña e Área Metropolitana.

PUBLICIDADE