Marvel Tōkon: Fighting Souls, un novo xogo de loita por equipos con estética xaponesa
mércores, 4 de xuño do 2025
PlayStation Studios, Arc System Works e Marvel Games anunciaron Marvel Tōkon: Fighting Souls, un título de loita por equipos que propón un sistema de combate de 4 contra 4 e que combina unha estética inspirada na animación xaponesa co universo de superheroes de Marvel. O xogo aposta por mecánicas accesibles para todo tipo de xogadores, sen renunciar á profundidade competitiva.
Marvel Tōkon: Fighting Souls presenta un elenco de heroes e malvados emblemáticos como o Capitán América, Iron Man, Spider-Man, Ms. Marvel ou Ghost Rider (versión Robbie Reyes), con deseños e estilos de xogo reinterpretados polo estudo xaponés Arc System Works, coñecido por franquías como Guilty Gear e Dragon Ball FighterZ. A xogabilidade permite manexar un personaxe principal e invocar outros compañeiros en combate con comandos sinxelos, mantendo a intensidade e espectacularidade propias do xénero.
Kazuto Sekine, director do xogo, explicou que o sistema foi deseñado para que só sexa necesario dominar un personaxe, facilitando a entrada de xogadores menos experimentados. Pola súa banda, o produtor Takeshi Yamanaka destacou que o proceso de selección de personaxes tivo en conta o equilibrio entre rostros coñecidos, diversidade de estilos de combate e algunhas incorporacións inéditas no xénero.
En canto ao apartado visual, Arc System Works abandonou inicialmente a idea dun sombreado ao estilo cómic occidental para apostar pola estética anime que caracteriza os seus xogos, tras unha suxestión do propio equipo de Marvel. Tamén os escenarios recibiron atención especial, con transicións dinámicas entre áreas que afectan tanto ao ritmo do combate como á estratexia.
Michael Francisco, responsable de desenvolvemento de produto en Marvel Games, salientou que o proxecto é «froito da paixón e talento de dous estudos que comprenden profundamente o universo Marvel». A compañía confirmou que nas vindeiras semanas se irán desvelando máis detalles sobre modos de xogo, funcionalidades en liña e o contido adicional.
Tráiler de presentación do xogo
