Max sube os seus prezos e anuncia un plan con publicidade
venres, 4 de abril do 2025
A plataforma de vídeo baixo demanda da Warner, Max, está a anunciar novas tarifas que entrarán en vigor para novos clientes a partir do vindeiro día 8, que suporán unha suba xeneralizada dos prezos e a incorporación dun novo plan con publicidade.
Actualmente Max conta con tres plans: Estándar para 2 dispositivos á vez en Full HD a un prezo de 9,99 euros/mes ou 99,90 euros/ano, Premium para 4 dispositivos á vez en 4K a 13,99 euros/mes ou 139 euros/ano e Max DAZN para 4 dispositivos á vez (2 con acceso a deportes) por 44,99 euros/mes.
Coa entrada en vigor das novas tarifas mantense a mesma a mesma estrutura de prezos, pero cun novo plan básico con anuncios por 6,99 euros/mes. Coas novas tarifas o plan Estándar queda en 10,99 euros/mes ou 109 euros/ano, o plan Premium pasa a custar 15,99 euros/mes ou 159 euros/ano e, curiosamente, o plan Max DAZN mantén o prezo en 44,99 euros/mes. Mantense en vigor o complemente de deportes para todos os plans por 5 euros/mes.
A data elixida para a suba de prezo de Max en España, Portugal e Andorra non parece arbitrario, xa que o vindeiro día 14 estréase na plataforma a segunda tempada da serie The Last of Us, o que probablemente propicie numerosas altas como cando estrean novas tempadas das series da franquía de Juego de Tronos, e deste xeito o novo plan con publicidade podería recibir un importante número de subscritores que poderían rematar mantendo a súa subscrición se consideran atractivos os contidos de Max por 6,99 euros/mes.