Medio Ambiente tira proveito dun libro dixital para concienciar sobre a compostaxe

luns, 11 de febreiro do 2019 Redacción

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través de SOGAMA, difunde entre os centros escolares de infantil e primaria de Galicia a publicación Aqueles monstros anciáns que viven baixo a terra, libro que aborda as vantaxes sobre a compostaxe en formato dixital.
A edición deste título é unha iniciativa do proxecto de cooperación transfronteiriza Res2ValHum, integrado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, no que participan sete socios. Por parte de Portugal, participan a Universidade do Minho, que asume o seu liderado, sendo o principal beneficiario, o Centro de Valorización de Residuos, o Servizo Intermunicipalizado de Xestión de Residuos de Grande Porto e BRAVAL (Valorización e Tratamento de Residuos Sólidos, S.A). Por parte de Galicia, participan SOGAMA (Sociedade Galega do Medio Ambiente), a Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Valorización Ambiental do Norte, S.L.
O principal obxectivo desta iniciativa é enxalzar as vantaxes asociadas á recuperación da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, con amplas posibilidades, non só na actividade puramente agrícola ou como remedio para os solos contaminados, senón ata no ámbito da cosmética e accións terapéuticas diversas.
Os protagonistas desta historia son tres microorganismos, Rufo, Pedro e Coco, que viven baixo a terra, onde pasan o seu tempo comendo restos orgánicos que logo converten nun slime máxico que se chama compost, un abono natural que aporta nutrientes de alta calidade para plantas e cultivos que logo serven de alimento.
No conto amósase como o compost aporta nutrientes que melloran o crecemento das plantas, polo que se anima aos nenos a facer este abono natural no cole ou nos seus fogares coa comida sobrante, xa que Rufo, Pedro e Coco estarán esperando este residuo coa boca aberta.

PUBLICIDADE