Medra o número de alumnos galegos que comparten apuntamentos vía web

venres, 26 de setembro do 2008 Raquel Noya

Xa pasaron sete anos dende que, alá polo 2001, nacía en Barcelona a web patatabrava.com, un espazo virtual creado polos alumnos que, a forza de buscar métodos para evitar ter que ir ás clases e aprobar igual, descubriron o segredo de compartir os apuntamentos (ou máis ben pedirllos aos mesmos de sempre).
O nome xurdiu (con certo enxeño) do tempo que pasaban os seus creadores na cafetería da facultade, arredor dalgunha ración picante de patacas, que sempre axudaba a tirar mellor das cervexas frescas.
Segundo vén de afirmar hoxe o xornal Galiciae.com, hai pouco máis dun ano que esta páxina se abriu a Galicia e neste tempo, “o boca a boca deu como resultado 3.500 universitarios galegos rexistrados”.
Ademais de ser unha excelente ferramenta de solidariedade que seguramente lle axudou a moitos alumnos (algo irresponsables) a levar as súas carreiras a bo porto, esta web é un espazo no que os usuarios poden recompilar as frases máis míticas dos profesores e pasar un anaco divertido entre materia e materia.
Asemade, a web inclúe un espazo no que se recollen os bares e currunchos preferidos dos universitarios; eles mesmos son os encargados de situalos nun mapa para que outros os visiten e os fagan formar parte dos seus templos de culto; de feito chámase Templos de pracer.
Galiciae apuntou que os galegos xa marcaron, dende a apertura do portal á nosa comunidade, “20 zonas de recollemento onde tomar unhas bravas e rezar para aprobar a carreira”.