Medran os adictos ó eMule

mércores, 25 de outubro do 2006 Raquel Noya

En España son xa un millón os fogares enganchados literalmente ó eMule. E é que o intercambio gratuíto de arquivos pode chegar a ser aditivo. Para moitos é unha obsesión erguerse da cama e comprobar, antes de nada, o que se descargou no seu computador durante a noite, mentres durmían placidamente e soñaban que entraban nunha tenda xigante na que tiñan ó alcance da súa man (e de balde) toda a cultura do século XX. Iso é o que nos ofrece eMule con tan só un golpe de rato: música, series, películas (moitas das cales nin sequera están a venda)... sen que nos preocupe o feito de ter que apertar o cinto para chegar a final de mes.
Volvemos ó principio (recapitulamos): cada día son máis os enganchados ó eMule. Este servizo, do tipo P2P (siglas de peer to peer, de par a par) é o programa máis famoso de intercambio de arquivos por Internet e ofrece descargas intensivas de contidos variados e, segundo o últimos estudio do Observatorio Europeo de Información Tecnolóxico, está a ser empregado polo 20% dos abonados de banda ancha españois.
Segundo cifras facilitas polas principais compañías telefónicas que ofrecen conexión a Internet por banda ancha (ADSL e cable), actualmente un millón de fogares realiza descargas intensivas de contidos de Internet a través destes programas gratuítos, e non se trata de descargas puntuais senón que os abonados teñen os seus equipos conectados as 24 horas do día co fin de facerse con todo tipo de contidos.
Pero para obter cifras máis orientativas, este millón de usuarios hai que multiplicalo polo número de membros que o empregan en cada casa, que pode variar entre 1 e 5 individuos.
O funcionamento das redes P2P é relativamente sinxelo. Basta con ter unha conexión a Internet de banda ancha e descargar de balde o programa de intercambio. Logo disto, o usuario decide que contidos dos que ten almacenados no seu disco duro quere compartir: música, películas, fotografías, software, xogos... todo ten cabida neste mercado de intercambio. O programa pono en contacto con outros milleiros de equipos que tamén abriron o seu PC ó resto do mundo. Chegados a este punto, o único que queda é buscar o que se quere e acadalo descargándoo do ordenador dos demais. Unha operación tan de andar por casa que se cadra non é de estrañar que máis de 240 millóns de usuarios xa teñan instalado este programa.
Todo isto fai que o eMule ou o P2P xa non sexa xa un reduto de informáticos, senón unha práctica cotiá entre todo tipo de individuos famentos de material dixital; e a fame dos usuarios do P2P non ten límites. Tanto é así que fronte ós 500 megabytes de tráfico mensual que consume un usuario normal de Internet, un peer medio emprega 16 veces máis, e o usuario intensivo case unhas 300 veces máis, cun consumo que rolda os 150 gigabites e que lle permiten amorear 200 filmes ou 30.000 cancións nun só mes. Se cadra películas que ficarán no esquecemento e cancións que nunca serán escoitadas, postas en andeis ós que nunca se volverá máis que para facer limpeza; ata material que se borrará antes de ser visionado ou escoitado por falta de espazo nos discos duros. De feito, as vendas de discos duros externos e DVD e CD virxes multiplicouse por cinco no pasado ano, acadando a nada desprezable cifra de 300 millóns de unidades.
Pero non é ouro todo o que reloce, non. Os usuarios do P2P teñen que enfrontarse a trampas como arquivos falsos ou fakes, nos que, baixo o sobrenome dunha estrea, aparece en realidade unha longametraxe caseira ou unha película pornográfica. Tamén se poden meter virus ou, nun descoido, incluír datos persoais e material privado. É o prezo que se paga polo almacenamento masivo de contidos extraídos de Internet.
Unha adición? As cifras non menten: as estimacións son que en 2010 haberá 3,7 millóns de peers en España, que descargarán de media, 638 películas nun só ano, nunha práctica considerada polo de agora como legal, sempre e cando non exista ánimo de lucro e unha finalidade económica polo medio. Malia as arelas dalgunhas entidades por ilegalizar os programas de descargas (como a SGAE), este tipo de software seguirá a ser empregado por moitos internautas que defenden o P2P como un instrumento de difusión cultural de enorme capacidade e que, aditivo ou non, polo menos non dana a saúde de terceiros como outras adicións non denunciadas.