Meetic apúntase á Web 2.0 e ofrece a posibilidade de procurar parella de balde

martes, 29 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Seguimos a voltas coa Web 2.0 e coa remodelación de coñecidos servizos web nados no eido da versión anterior (a 1.0) e agora dando pasos no obxectivo de afacerse ós novos tempos, ós da participación activa do usuario (nota: semella que poñerse a etiqueta “2.0” estase a converter nun pretexto para saír nos medios, tendo en conta as moitos “motos” que se nos están a vender nos últimos tempos e que finalmente son pouco máis que curtacéspedes). Meetic, o portal de amizades e encontros amorosos previamente pactados no eido da propio portal, vén de dar un paso nesta liña de renovación, e semella que o fai con bo pé: estreando unha fórmula de subscrición que permite empregar o sitio totalmente de balde.
Deste xeito”, informa Meetic, “mesmo os internautas que non teña formalizado antes unha subscrición de pago poderán chatear gratis con todos aqueles que teñan contratado a opción Premium”.
Ademais, inclúe a partir de xa unha ferramenta privada de mensaxeiría instantánea que integra videochat, recurso que non está mal para que os usuarios se vaia se vaian coñecendo antes de coñecerse e, a maiores, aproveiten para pasear a vista polo que se ve detrás do seu interlocutor, que tamén pode ser interesante. Asemade, o novo portal incorpora isto:
· MeeticPhone: os usuarios poderán falar por teléfono entre eles sen revelar os seus números reais.
· MeeticTest: trátase dun test persoal creado polo propio usuario co fin de avaliar o seu nivel de compatibilidade con outros usuarios e usuarias.
· Perfíles máis completos: máis eidos para definirse, albume persoal que permite subir ata 25 fotografías, vídeo de presentación persoal, etc.
Podemos ver unha demostración das diferentes novidades neste sitio: http://www.opo.fr/meetic/espagnol/index.html.