Mellora a experiencia de xogo de Xbox dende PC

luns, 21 de xullo do 2025 Marcus Fernández

Xbox continúa a mellorar a súa experiencia cruzada entre dispositivos, e dende hoxe os usuarios do programa Xbox Insider poden acceder a novas funcionalidades na aplicación de Xbox para PC. A principal novidade é a incorporación do historial de xogo unificado e o acceso simplificado aos títulos de consola dispoñibles na nube.
A biblioteca da aplicación para PC amplíase agora coa integración de todos os xogos de consola compatibles co xogo na nube, incluíndo títulos exclusivos das distintas xeracións de Xbox (desde a Xbox orixinal ata a Xbox Series X|S). Estes xogos estarán dispoñibles para o usuario tanto se os posúe coma se os accede mediante Xbox Game Pass.
Ademais, introdúcese un novo mosaico de historial de xogo que permite retomar partidas recentes dende calquera dispositivo: consola, PC ou portátil con Windows. Esta funcionalidade sitúase ao final da sección Retoma onde quedaches (Jump back in) na pantalla de inicio da aplicación, amosando non só os xogos do dispositivo actual, senón tamén os xogados noutros equipos.
Estas melloras buscan facer máis sinxelo e inmediato o acceso aos xogos favoritos dos usuarios, mantendo sempre sincronizados o progreso, as preferencias e os momentos de xogo, independentemente do dispositivo empregado.