Metal Gear Solid 4 chegará ás tendas pese á folga de transporte (nova actualizada)

mércores, 11 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Os seguidores da saga de Hideo Kojima, Metal Gear Solid, poden respirar tranquilos, e o Metal Gear Solid 4: Guns of the Patriots, o primeiro título da Kojima Productions para PlayStation 3, chegará sen problemas mañá ás tendas de videoxogos pese á folga do transporte, pois a antelación coa que se coñeceron as mobilizacións permitiron a Konami tomar medidas para facer posible a distribución do xogo que segundo o responsable de prensa da compañía leva varios días «en poder das grandes superficies e centros de distribución».
Segundo parece, os retrasos nos envíos do xogo só estarían a afectar ás copias que se manda a algúns medios de comunicación, o que podería demorar as críticas nalgunhas publicacións, pero non afectaría á meirande parte dos seguidores de Solid Snake, personaxe que volve ao campo de batalla a enfrontarse ao inimigo de sempre, Liquid Ocelot, pero estreando o seu sistema OctoCamo (traxe de camuflaxe).
O novo xogo tamén pode funcionar nun modo en liña de ata 16 xogadores.

ACTUALIZACIÓN: Finalmente Konami recoñece problemas na distribución do Metal Gear Solid 4 en España nun comunicado oficial:

Comunicado sobre a data de lanzamento de Metal Gear Solid 4: Guns of the Patriots
Konami Digital Entertainment España lamenta os posibles atrasos que, por causas alleas á compañía, poidan producirse na distribución de Metal Gear Solid 4: Guns of the Patriots para PlayStation3 nos vindeiros días.
Aínda que o lanzamento oficial se mantén para o 12 de Xuño de 2008, existe a posibilidade de que algúns puntos de venda non dispoñan do produto.
No esforzo continuo para manter a mellor experiencia de xogo para os nosos usuarios, Konami Digital Entertainment lamenta profundamente que esta continxencia afecte á data de lanzamento dun título tan esperado.

PUBLICIDADE