Míchel Salgado presenta a nova canle de televisión Destino Galicia
martes, 2 de outubro do 2007
A comunidade galega contará cunha nova canle
televisiva temática a partires do día 9, Destino
Galicia, que aparecerá nas principais plataformas dixitais, e que vén
de presentar o ex-céltico Míchel Salgado en Vigo, e que emprende coa
colaboración de Carlos Bermúdez.
A nova canle comeza cun investimento de 4 millóns de euros e 20 traballadores
(operadores de cámara, redactores, guionistas, produtores e montadores). Os
contidos irán dende a gastronomía ata a sanidade, sen esquecer o deporte ou o
Camiño de Santiago.
Destino
Galicia operará dende Vigo e emitirá a través do satélite Hispasat 1C (30º oeste) o que permite a
cobertura da Península Ibérica, Baleares, Canarias, Azores, Madeira e boa parte
dos países europeos e do norte de África.
