Microsoft adquire a compañía de procuras na Rede, Powerset

mércores, 2 de xullo do 2008 Raquel Noya

Segundo vén de anunciar a revista tecnolóxica PC Magazine, o xigante informático Microsoft adquiriu a empresa de procuras por Internet Powerset por unha cantidade estimada de 10 millóns de dólares para, segundo din, “tentar romper o dominio en liña que ten na actualidade Google”.
A firma de software indicou que “incorporará a Powerset e aos seus enxeñeiros ó equipo de procura de Windows Live”, aínda que seguirá a operar dende a súa base actual en San Francisco.
A empresa adquirida por Microsoft é unha das novas compañías en liña que busca mellorar as procuras dos usuarios mediante a comprensión do contexto dos termos introducidos na caixa de procuras así como os termos relacionados en posibles sitios comúns.
A representante de Windows Live, Satya Nadella afirmou, trala adquisición da compañía, que a tecnoloxía de Powerset “podería axudar a superar os resultados de procuras que non coinciden cos intentos dos usuarios” e asegurou estar a traballar para resolver este tipo de problemas con novas ferramentas de procura máis perfeccionadas.

PUBLICIDADE