Microsoft despedirá a milleiros de traballadores da súa división de videoxogos

mércores, 2 de xullo do 2025 Marcus Fernández

Microsoft anunciou hoxe que prescindirá de preto de 9 mil empregados, o que supón menos do 4 % da súa forza laboral global, medida afectará a distintos equipos, niveis xerárquicos e rexións xeográficas, aínda que con especial impacto na división de videoxogos da compañía.
A decisión chega no segundo día do novo exercicio fiscal da compañía, un momento no que tradicionalmente Microsoft acomete reorganizacións internas. «Seguimos a aplicar cambios organizativos necesarios para situar a compañía e os equipos nas mellores condicións para ter éxito nun mercado dinámico», asegurou por correo electrónico un voceiro da compañía de Redmond.
«Para posicionar a área de videoxogos para un éxito sostido e centrar os nosos esforzos en áreas estratéxicas de crecemento, remataremos ou reduciremos certas liñas de traballo e seguiremos o modelo de Microsoft para eliminar capas de xestión, mellorando así a axilidade e a eficacia», escribiu Phil Spencer, director executivo da división de videoxogos, nunha mensaxe dirixida ao seu persoal.
Estes recortes de persoal terían un impacto directo en desenvolvementos actuais, confirmándose a cancelación de xogos como Perfect Dark e Everwild (pechando o estudio detrás do primeiro), e reducións importantes nos cadros de persoal detrás de xogos como Candy Crush, Call of Duty, Halo ou Forza Motorsport, o que resulta preocupante se temos en conta os moitos despedimentos que realizou Microsoft na súa división de videoxogos tras a absorción de Activision Blizzard.