Microsoft e ACNUR convidan ós internautas a axudar ós nenos refuxiados mediante un simple click

mércores, 17 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Semella ciencia ficción, pero é verdade: a diferenza do exercicio que se pode facer no ximnasio (onde a enerxía, aínda que digan o contrario, pérdese para sempre e sen que haxa máis rendibilidade que a de queimar calorías), a actividade física do internauta pode contribuír, aínda que sexa un pouco, a mellorar o mundo. Falamos do simple acto de cliquear co rato.
Se hai uns días falabamos dunha iniciativa de Amnistía Internacional que camiñaba por este carreiro, agora toca falar dunha de Microsoft que segue semellante estrutura. Trátase do proxecto Un click por unha causa e o seu propio nome xa o di todo: xa que cliqueamos tantas e tan repetidas veces ó longo do día (e coas ferramentas de Microsoft prémese no rato abondo), polo menos que sirva para algo máis que para estragar o rato.
A iniciativa solidaria, desenvolvida en colaboración co Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), consiste no seguinte: a partir de hoxe e até finais de 2007, por cada busca que fagamos neste sitio, a través do servizo de procuras Live.com de Microsoft, estaremos achegando un donativo económico pola causa dos refuxiados no mundo (para máis información, cómpre visitar ninemillion.org, web posta en marcha por ACNUR, Microsoft e Nike, entre outras empresas).
Asemade, poderemos colaborar facendo click nun dos recadros de publicidade inseridos na web de contidos de Microsoft, MSN. Con fin de conseguir a meirande cantidade de axudas, que se recadarán en 26 países de todo o mundo, irán destinadas, Microsoft porá en marcha unha campaña de publicidade en liña en tódolos seus espazos web.
A iniciativa vai encamiñada a mellorar no posible as condicións de vida dos preto de nove millóns de refuxiados mozos que hai no mundo, de aí o nome da web onde se compendian estes obxectivos.

PUBLICIDADE