Microsoft promete unha serie de melloras en Windows 11

venres, 20 de marzo do 2026 Redacción

Microsoft anunciou unha nova folla de ruta centrada en mellorar a calidade e a experiencia de uso de Windows 11, logo de meses de análise do feedback achegado pola comunidade de Windows Insiders. Nunha mensaxe dirixida directamente aos usuarios, Pavan Davuluri, vicepresidente executivo da división Windows + Devices, recoñece a importancia das achegas recibidas e detalla unha serie de cambios que comezarán a probarse nas vindeiras versións preliminares do sistema.
A compañía de Redmond sitúa como prioridade unha maior personalización da interface. Entre as novidades destaca a posibilidade de recolocar a barra de tarefas na parte superior ou nos laterais da pantalla, unha demanda recorrente entre os usuarios que permitirá adaptar mellor o espazo de traballo ás preferencias individuais.
No ámbito da intelixencia artificial, Microsoft aposta por unha integración máis selectiva e útil de Copilot. Reducirán a súa presenza en aplicacións onde non achega valor claro, como Ferramenta de Recortes, Fotos, Widgets ou Bloc de notas, co obxectivo de ofrecer unha experiencia máis coidada e menos intrusiva.
Outro dos eixes clave é a mellora da xestión das actualizacións. Microsoft pretende facer este proceso máis previsible e controlable, introducindo opcións como omitir actualizacións durante a configuración inicial do dispositivo, reiniciar ou apagar o equipo sen instalalas automaticamente e ampliar os períodos de pausa. Ademais, reduciranse as notificacións e os reinicios inesperados, unha das principais fontes de frustración entre os usuarios.
O Explorador de ficheiros tamén recibirá optimizacións relevantes, cun arranque máis rápido, menor pestanexo visual, navegación máis fluída e maior fiabilidade nas tarefas cotiás. Estas melloras céntranse nun dos compoñentes máis utilizados do sistema operativo.
No tocante aos widgets e aos contidos personalizados, introducirán configuracións máis discretas de xeito predeterminado e ofrecerán maior control sobre cando e como se amosan, así como unha mellor personalización do feed de novas.
Microsoft tamén revisará o funcionamento do programa Windows Insider para facelo máis transparente e accesible. Aclararanse os diferentes canles de probas, facilitarase o acceso ás novas funcionalidades e mellorarase a visibilidade sobre como o feedback dos usuarios inflúe no desenvolvemento do sistema.
En paralelo, a empresa xa comezou a despregar unha actualización importante do Feedback Hub, que incorpora un deseño renovado para simplificar o envío de opinións e fomentar a participación da comunidade.
Estas medidas forman parte dun plan máis amplo para elevar o nivel de calidade de Windows 11 ao longo do ano, coa vista posta en recuperar a confianza dos usuarios e consolidar unha experiencia máis robusta e coherente.