A RAGC e a Deputación da Coruña mostran as posibilidades da robótica asistencial no coidado das persoas

mércores, 3 de xuño do 2026 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, está a celebrar o ciclo Nanotecnoloxía ao servizo da sociedade: retos e solucións do presente e do futuro, cuxa derradeira xornada celebrarase este xoves, 4 de maio, no salón de actos do Campus de Ferrol, das 17:00 ás 20:30 horas. Tamén pode seguirse en directo a través da canle de Youtube da RAGC. Porase o foco (entre outras cuestións) na robótica asistencial e nas posibilidades que esta abre para o coidado das persoas.
Na presentación estarán o presidente da Academia, Juan Lema; o director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez; e os coordinadores do ciclo: José Rivas, académico da RAGC e investigador do Instituto de Materiais da Universidade de Santiago (iMATUS); e Rosa Menéndez, investigadora do CSIC.
Nesta xornada tratarase o impacto da nanotecnoloxía nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, as TIC. “A nanotecnoloxía permite a creación de dispositivos máis pequenos, rápidos e eficientes. Os avances en nanomateriais e nanoestruturas melloran chips, sensores e memorias, optimizando o rendemento e reducindo o consumo enerxético. Isto fai máis potentes e sustentables a computación, os móbiles e as redes de comunicación. Tamén impulsa novos métodos de almacenamento e facilita sensores ultraminiaturizados para a Internet das Cousas. En comunicacións, mellora láseres, antenas e compoñentes fotónicos, fundamentais para redes de alta velocidade e tecnoloxías como o 6G. A nanotecnoloxía está a transformar as TIC, permitindo dispositivos máis intelixentes e sustentables, e sendo clave na transformación dixital global”, salientan os coordinadores.
A xornada comezará coa intervención de Luis Hueso, científico do Centro de Investigación Cooperativa en Nanociencia (nanoGUNE) de San Sebastián. Explica que os avances están a permitir desenvolver dispositivos con maior potencia, maior velocidade e menor custo. “Un progreso que hoxe se reflicte na nosa vida cotiá, dende os teléfonos móbiles e o acceso a Internet ata os automóbiles ou os diagnósticos médicos”. Porén, resalta que “os chips actuais incorporan decenas de millóns de transistores pero a medida que os transistores son máis miúdos, algunhas partes non poden seguir adelgazándose sen que a electricidade fuxa por onde non debe, e controlar o fluxo de corrente vólvese cada vez máis complicado”.
“A industria conseguiu avanzar grazas a novos deseños e á incorporación de materiais máis eficientes, pero as melloras doadas xa se esgotaron. Ademais, fabricar os chips máis avanzados esixe procesos industriais extremadamente complexos e fábricas xigantescas. Por iso búscanse alternativas que vaian máis aló da tecnoloxía de chips convencional. Unha das vías máis prometedoras é a dos materiais bidimensionais, como o grafeno e outros cristais, que poden amontoarse capa a capa, con apenas uns átomos de grosor. Ao combinarse como pezas de LEGO, abren novas posibilidades para construír compoñentes electrónicos e poderían facilitar unha miniaturización futura máis eficiente”, sinala o investigador.
No encontro participará tamén Lara Lloret, investigadora do Instituto de Física de Cantabria, pertencente ao CSIC, que afondará na aplicación da intelixencia artificial na Medicina. Salienta que o crecemento que a IA experimentou nos últimos anos está a abrir novas posibilidades no eido das ciencias da saúde, especialmente no diagnóstico médico, onde os algoritmos poden analizar imaxes, detectar patróns complexos e asistir na toma de decisións clínicas. Con todo, pon de relevo que a súa implantación xeneralizada na práctica clínica segue enfrontándose a importantes desafíos.
“Un dos principais problemas é a calidade e dispoñibilidade dos datos. Os sistemas de IA dependen de grandes conxuntos de datos ben estruturados, pero en medicina esta información adoita estar fragmentada, pouco estandarizada e distribuída entre diferentes institucións. Isto, sumado a outros retos clave como as tendencias, a falta de interpretabilidade dos modelos ou a privacidade, dificulta a confianza nestes sistemas, que deberan de ser fortes e xeneralizables a distintas contornas clínicas”, apunta a experta.
Pola súa parte, Guillem Alenyà, director do Instituto de Robótica e Informática Industrial, centro mixto do CSIC e a Universitat Politècnica de Catalunya (UPC), abordará a aplicación da robótica asistida e a nanotecnoloxía no eido da saúde e o benestar. Pon de relevo que “a crise dos coidados é un dos maiores desafíos sociais do noso século. O envellecemento da poboación e o aumento da dependencia esixen solucións que non só sexan eficaces, senón tamén humanas”. Nesta liña, destaca como a robótica asistencial está a deixar de ser unha promesa para converterse nun aliado concreto en fogares, hospitais e residencias.
“A robótica moderna non actúa de forma illada. O seu verdadeiro potencial xorde da interconexión coa contorna, coas persoas e cos procesos de coidado. Máis aló da vixilancia, estes dispositivos están deseñados para executar tarefas que transforman o día a día, por exemplo apoio loxístico e recordatorios, asistencia física e mobilidade, estimulación cognitiva e social ou monitoraxe da actividade. Esta rede de seguridade dixital permite unha monitoraxe non invasiva que garante a autonomía do paciente e, fundamentalmente, reduce a carga mental e física dos coidadores”, asegura o científico.
Alenyà manifesta que é crucial desmitificar o medo á substitución. “Os robots non substitúen o afecto humano, senón que os podemos deseñar como ferramentas. Na contorna hospitalaria e residencial, poden encargarse de tarefas loxísticas, recordatorios ou mobilizacións pesadas, permitindo que o persoal sociosanitario se centre no que realmente importa: o acompañamento emocional e clínico”, apunta, defendendo a necesidade da co-creación: “Non abonda con que os enxeñeiros deseñen en laboratorios; os coidadores, familiares e os propios usuarios finais deben estar no centro do deseño desde a primeira etapa. Só a través das súas experiencias podemos desenvolver aplicacións que resolvan problemas cotiáns, respecten a privacidade e sexan doadas de adoptar”.