Microsoft quence motores para presentar mañá o seu novo buscador

mércores, 27 de maio do 2009 Raquel Noya

Versión de proba de Kumo, antes de cambiar o seu nome por Bing

Malia que polo de agora pouco se sabe do próximo gran lanzamento que levará a cabo o xigante informático Microsoft para facerse un óco entre os principais motores de búsqueda en liña do mundo, o buscador Bing, os medios de comunicación estadounidenses xa comezan a filtrar pinceladas de información sobre como vai ser o produto da compañía de Bill Gates que competirá con Yahoo!, Google e incluso co propio Live Search, que a duras penas acada o 8 por cento das consultas en liña en Estados Unidos.
A presentación do novo buscador que os medios nacionais deron en chamar “antigoogle, terá lugar mañá xoves da man do conselleiro delegado do grupo, Steve Ballmer, no marco da clausura do congreso All Things Digital, que se está a celebrar en California.
Bing, o ultimo buscador en liña de Microsoft, combinarase (a lo menos durante os primeiros dous meses nos que permanecerá a versión de proba, beta), co actual buscador Windows Live Search, dentro do portal MSN.
A actual proposta da compañía norteamericana non acada nin a terceira parte das consultas en liña de Yahoo! e Google no seu país de orixe, e moito menos en España, onde se calcula que este último motor de búsqueda acapara o 99 por cento do total das procuras en liña.
Logo do fracaso das negociacións para a compra de Yahoo! o pasado ano, Microsoft investiu unha substancial cantidade de diñeiro para mellorar os servizos do seu portal MSN, unha iniciativa que agora combina co lanzamento do Bing, un buscador cuxo nome en chave ata o de ahora era Kumo e no que Gates investirá preto de 100 millóns de dólares para o seu lanzamento (sobre todo na campaña de marketing).
Segundo vén de publicar o xornal Expansión, o novo buscador será “máis intelixente”, entendéndose como tal un sistema que permite distinguir o contexto das procuras e así delimitar mellor o número de resultados.
Pese a todo, segundo afirma o devandito xornal, o máis probable é que a versión de Bing que se presente en EEUU “pouco teña que ver co produto en Europa” xa que, segundo parece, Microsoft vai precisar varios meses para comprobar cales son as funcións máis exitosas no maior mercado en liña do mundo antes de implantalas no resto dos continentes.

PUBLICIDADE