Microsoft xestionará a publicidade en Digg

xoves, 26 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Kevin Rose e John Battelle durante unha conferencia conxunta

O sistema de publicación non xerárquico Digg (que inspiraría a creación de Menéame e Chuza) vén de dar un xiro moi importante na súa estratexia publicitaria, xa que abandona Google coma colaborador neste eido para deixar que Microsoft se encargue dos anuncios comerciais na popular web.
O acordo entre Digg e Microsoft abarca un período de 3 anos, e supón unha importante incorporación para a compañía de Redmond, pois Digg ten un total de 17 millóns de visitantes únicos ó mes, polo que é unha boa plataforma para a difusión de publicidade.
Federated Media, empresa de John Battele, era quen xestionaba a publicidade de Digg ata o momento, e continuará a colaborar coa plataforma de publicación social fundada por Kevin Rose, pero loxicamente non é capaz de competir cun xigante coma Microsoft, que ve moito atractivo nunha web ideal para achegarse a mozos e amantes da tecnoloxía.