Miguel Sebastián anuncia a posta en marcha do Plan AvanzaDos
luns, 1 de setembro do 2008
O ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel
Sebastián, vén de anunciar que o Goberno español porá en marcha, antes de
finais de ano, o Plan AvazaDos, con novas liñas estratéxicas e un horizonte
temporal ata o vindeiro 2012.
Sebastián adiantou que unha das
novidades do citado plan, no marco da potenciación de infraestruturas, será “premiar ós concellos que máis colaboren na
mellora da cobertura móbil”.
Así o anunciou na súa intervención
inaugural do XXI Encontro de Telecomunicacións, convocado pola Universidade
Internacional Menéndez Pelayo, onde tamén afirmou que, por primeira vez, parte
dos fondos do Plan Avanza, executáronse en colaboración coas Comunidades e
Cidades Autónomas, que sen exclusión permitiron a mobilización de 1.302 millóns
de euros.
O ministro tamén lembrou, neste
senso, “o considerable esforzo
presupostario” que supuxo a implementación do Plan Avanza, con máis de
5.000 millóns de euros investidos no periodo 2005-2008 e máis de 3.800 millóns
de euros adicionais mobilizados grazas á colaboración doutras administracións
públicas, entidades sen fins de lucro e empresas privadas.
Sebastián concluíu sinalando as
cinco liñas de actuación principais da política gubernamenal neste eido: “potenciar as súas infraestructuras, mellorar
a seguridade no emprego destas tecnoloxías, ampliar a capacitación tecnolóxica
dos españois e das empresas, optimizar a calidade dos servizos e xerar o
desenvolvemento industrial do redor das novas tecnoloxías”.