Mogulus cambia de nome e pasa a chamarse Livestream

martes, 19 de maio do 2009 Marcus Fernández

O popular servizo de streaming de vídeo en directo a través da Internet de Mogulus, que permite a creación do que algúns entenden coma canles de televisión a medida, despois duns 2 anos de vida vai comezar a explotar unha nova marca moito máis lóxica, que podería axudar ao seu espallamento: Livestream.
Mogulus adquiriu hai pouco o dominio livestream.com por 100.000 dólares, o que lle permite dar este paso adiante, pois aínda que no último ano medrase un 240%, o seu crecemento aínda podería ser maior de contar cunha marca recoñecible, coma claramente é Livestream.
A nova marca estréase cunha web de seu que presenta unha aparencia lixeiramente renovada, buscando un doado achegamento ao servizo que combina contas de usuario de balde coas de pago, e que incluso conta co apoio da nova aplicación de escritorio Procaster da que falamos o mes pasado.
Durante as últimas horas os dominios Mogulus.com e Livestream.com funcionaban en paralelo, pero finalmente fusionaron os seus contidos, de xeito que Mogulus.com redirixe automaticamente a Livestream.com, oficializando o cambio de marca do servizo.