Monument Valley 3 chegará a consolas e PC

venres, 28 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Dende o pasado mes de decembro os subscritores de Netflix poden por fin descargar Monument Valley 3 para Android e para iPhone sen custo adicional, convidando así aos xogadores a somerxerse de novo neste cativador mundo con deseños inspirados nos deseños de M. C. Escher, de xeito que os quebracabezas se resolven en base a ilusións ópticas. Pero os xogadores máis tradicionais non estarán afastados desta xoia durante moito tempo, pois Ustwo Games anunciou que no verán Monument Valley 3 chegar a Nintendo Switch, PlayStation 4 e 5, Xbox e PC (Steam), mantendo a exclusividade en móbiles a subscritores de Netflix.
Monument Valley 3 é un xogo continuista, que mantén a mesma liña estética, pero cunha historia completamente nova, na que encarnamos ao aprendiz dun misterioso mentor coa misión de salvar o mundo dunha crecente escuridade.
As mecánicas de xogo son como as das anteriores entregas, con quebracabezas pensados para ser superados con certa calma, pois estamos ante un xogo que convida a superar os seus retos dun xeito tranquilo, cunha ambientación sonora que tamén busca relaxar ao usuario para que a experiencia sexa máis relaxante que desafiante.
Cómpre salientar que, como anteriores entregas, o xogo recibirá actualizacións con novo contido, mantendo así este título moi vivo durante unha boa tempada.

Tráiler de presentación do xogo para PS4 e PS5