Monza acolle a grande final dos World Cyber Games 2006

venres, 20 de outubro do 2006 Marcus Fernández

As olimpíadas dos videoxogos son un evento itinerante que este ano se celebra en Monza (Italia) e que comezou cunha impresionante festa de celebración no popular estadio de Fórmula 1, que continúa con 4 días de xogos, nos que unha selección de expertos xogadores de todo o mundo se enfrontan por equipos para ver cales son os mellores xogadores do munod.
Os World Cyber Games 2006 permiten competir en xogos coma o Dawn of War, Counter Strike, FIFA Soccer 06, Project Gotham Racing 3, Half Live, Need For Speed: Most Wanted ou StarCraft: Brood War, polo que os principais xéneros teñen representación.
Os participantes no evento son os gañadores de finais rexionais, que intentarán facerse cos 435.000 dólares que se repartirán en premios, así como coa honra de ser considerados os mellores xogadores do mundo (que en casos coma os de Corea do Sur dá lugar a unha profesión real, con multitude de rapaces que cobran por xogar e son populares como estrelas musicais).

A grande final que se celebra en Monza comezou o día 18 e rematará o 22 de outubro, chegando por primeira vez a Europa (tras celebrarse en Seul, San Francisco e Singapur) e conta con máis de 800 xogadores de 72 países distintos.
O equipo español agarda revalidar a medalla de bronce acadada na pasada edición no xogo FIFA, e polo momento os participantes españois en tal videoxogo xa son líderes de grupo, quedando tamén en boa posición outro grupo español no StarCraft, mentres que o Counter-Strike xa se saldou cunha baixa española.

PUBLICIDADE