Motel Valkirias será recoñecida como mellor serie nos Premios CIRCOM

xoves, 27 de abril do 2023 Marcus Fernández

A serie de televisión Motel Valkirias, coproducida pola galega CTV e a portuguesa SPi, co apoio de Agadic, a Xunta de Galicia, Turismo de Portugal, PIC Portugal, a Deputación de Ourense e a Cámara Municipal de Montealegre, vén de ser elixida como gañadora no apartado de entretemento e ficción nos Premios CIRCOM Regional que se entregarán o vindeiro 1 de xuño nunha gala que terá lugar en Donostia no marco da 39ª Conferencia Anual de CIRCOM, que nesta ocasión está organizada pola EiTB.
A serie protagonizada por María Mera, Marina Mota e Maria João Bastos, que conta tamén coa presenza dos galegos Chechu Salgado, Miro Magariños, Miguel Borines e Vicente Mohedano, pode verse actualmente a través de HBO en España e Portugal, así como na TVG (onde rematará o vindeiro luns) e na RTP (onde completaron a emisión o pasado luns).
Estamos ante a décima ocasión na que a TVG recibe un galardón nos Premios CIRCOM, sendo as anteriormente premiadas series como Matalobos e 3 Camiños e incluso as xornalistas Alba Mancebo e Noelia Rey fixéranse con cadanseu recoñecemento como talento mozo en pantalla.

PUBLICIDADE