Movistar e DAZN fanse coas vindeiras 5 tempadas de LaLiga

luns, 13 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Nos últimos meses a poxa polos dereitos de retransmisión audiovisual do fútbol español deu lugar a moitos rumores, dando a entender que poderiamos estar ante un grande cambio no sector que podería desencadearse pola entrada no terreo de xogo dunha compañía como Amazon, que finalmente quedou fóra, polo que entre as tempadas 2022/2023 e 2026/2027 teremos un escenario semellante ao actual, cos dereitos de LaLiga Santander para o mercado residencial español na modalidade de pagamento repartidos entre Movistar e DAZN.
Deste xeito, nas vindeiras 5 tempadas de fútbol Movistar terá 5 partidos por xornada máis 3 xornadas completas, mentres que DAZN terá outros 5 partidos por xornada, pagando entre ambas empresas un total de 4.950 millóns de euros, quedando aínda por adxudicar os dereitos correspondentes a LaLiga SmartBank, ao partido en aberto e á canle da hostalaría.
Esta poxa fixada nun prazo tan amplo permite certa estabilidade no mercado, e garante que LaLiga manteña os ingresos audiovisuais, algo bastante difícil de conseguir no contexto actual, no que operadores como Vodafone demostraron que abandonar a loita polos dereitos do fútbol foi todo un acerto (xa que o fútbol presentaba un balance económico negativo para o operador británico).
Será interesante ver como reacciona o mercado á oferta de DAZN, xa que nos últimos anos as experiencias coas plataformas legais de deportes en directo en España foron bastante negativas, especialmente pola falta de calidade das retransmisións a nivel de tecnoloxía de rede.

PUBLICIDADE