Movistar e Samsung unen forzas de cara ao Madrid-Barça

venres, 1 de abril do 2016 Marcus Fernández

Mañá celebrarase un dos partidos de fútbol de máis interese da tempada, o clásico que enfronta ao FC Barcelona e ao Real Madrid, e dende Movistar queren aproveitar a ocasión para innovar ofrecendo o encontro deportivo en directo mediante a tecnoloxía de realidade virtual das Gear VR de Samsung, experiencia para a que instalarán un palco VIP virtual no Campo Nou dende o que se realizará a transmisión de vídeo envolvente que recibirase a través dunha aplicación VR que estará dispoñible nas tendas flagship de Telefónica en Madrid e Barcelona.
Deste xeito, os usuarios que empreguen as Gear VR poderán ver o partido como se estivesen sentados nun palco situado nunha zona privilexiada do Camp Nou, no que terán dispoñibles tres localizacións de cámara diferentes, ou sexa, que poderán vivir o encontro como se estivesen na grada central ou a pé de campo dende as dúas porterías a pé de céspede (tras a rede).
Para enriquecer a visión dende a grada central, o palco VIP virtual tamén contará cunha pantalla xigante na que poder ver o sinal televisivo convencional do encontro, para así poder consultar a información en pantalla que ven os telespectadores ordinarios, así como poder ver así as repeticións das xogadas máis destacadas.
A outra grande novidade do partido de mañá é que Movistar ofrecerao en ultra alta definición a través de Canal+ 4K Partidazo, emisión que recibirase nas mencionadas tendas de Movistar e tamén nos fogares de usuarios de Movistar+ que gocen de conexións a Internet por fibra óptica de 30 ou 300 Mbps que conten cun televisor Samsung Smart TV UHD compatible coa funcionalidade Movistar+ Ready. Este sería o segundo clásico emitido en 4K por Movistar+.

Os Smart TV de Samsung facilitarán a recepción do partido en UHD

PUBLICIDADE