Movistar lanza o Router Movistar Wi-Fi 7

xoves, 12 de febreiro do 2026 S. P.

A firma española Movistar anunciou que vai incorporar ás novas altas de calquera tarifa converxente miMovistar, a partir do 16 de febreiro, o seu Router Movistar Wi-Fi 7, un equipamento que segundo informou a operadora “permite aproveitar ao máximo as prestacións da rede de fibra de Telefónica e responder á crecente demanda de conectividade dos fogares”.
Engade Movistar que o novo Router Movistar Wi-Fi 7 supón “unha evolución cara á conectividade do futuro ao incorporar maior capacidade, ata un 70% máis de tráfico de datos, o que permite soportar un maior volume de dispositivos conectados de forma simultánea sen degradar o rendemento”. Ademais, co novo router a latencia redúcese ata nun 50%, ofrecendo unha navegación máis inmediata, e permite gozar dun 10% máis de cobertura con respecto ao seu predecesor, salienta Movistar, poñendo o foco na “seguridade reforzada do aparello”, que protexe a rede do fogar e achega “unha maior eficiencia ao optimizar o consumo enerxético, logrando ser máis eficiente que o modelo anterior”.
Movistar salienta que este novo equipamento é “especialmente útil en fogares con múltiples dispositivos (cámaras, domótica, smart TV)”, e tamén para usos intensivos como o que requiren o streaming 4K ou o gaming simultáneo, e, tamén, para dar resposta ás novas necesidades tecnolóxicas como o teletraballo de alta calidade, a realidade virtual ou os asistentes de IA.
O novo Router Movistar Wi-Fi 7 incluirase sen custo en todas as novas altas de tarifas converxentes de miMovistar e ademais xa pode adquirirse de forma libre por un prezo de 60 € con autoinstalación e 110 € se se prefire que a instalación a realice un técnico.
En canto ao hardware, este equipamento destaca pola súa arquitectura de 10 antenas internas e tecnoloxía EasyMesh, que crea unha rede única e intelixente en todo o fogar. O sistema asigna automaticamente cada dispositivo á banda óptima para garantir unha navegación fluída e sen cortes. En canto a conexións físicas, o dispositivo está preparado cun porto de alta velocidade de 10 Gbps, tres portos Gigabit Ethernet e o protocolo de seguridade WPA3, para así asegurar “a máxima potencia e protección para o usuario de posibles ataques ou roubo de datos”.
Con respecto ao seu deseño minimalista, inclúe un frontal con marxe de personalización con dúas opcións de cor, permitindo ao cliente elixir o que mellor se adapte ao seu estilo ou decoración.
O trebello integra un 70% de materiais reciclados de alta calidade e durabilidade.