Muse y Thom Yorke trunfan nos Premios de Música Dixital

xoves, 5 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Agora que esa autoestrada que é o futuro da música semella que pasa de xeito irremediable polo país da Rede proliferan cada vez máis os recoñecementos e as palmadiñas nas costas a todos aqueles artistas ou afeccionados internautas que achegan iniciativas de interese tanto para uns como para outros.
É o caso dos Premios da Música Dixital, que chegou (xa!) á súa quinta edición e que foron parar, sobre todo, á agrupación británica Muse e máis ó líder de Radiohead, Thom Yorke (na imaxe), que levaron dous galardóns cada un.
O xurado do certame, que vai orientado a festexar o afianzamento da música en liña, recoñeceu o labor de Muse como mellor banda de rock e a súa comunidade virtual de seguidores o mellor sitio de Internet non oficial. O cantante de Radiohead, que xa ten unha longa experiencia comunicándose a través das novas tecnoloxías cos seus seareiros, fíxose cos premios ó mellor uso do teléfono móbil e á campaña ó mellor artista, pola súa obra The Eraser, publicada como unha iniciativa paralela ós seus traballos con Radiohead. No eido do pop, a triunfadora foi a británica Lily Allen, que previamente á publicación do seu novo albume habilitou en MySpace un espazo sobre o mesmo, onde recibiu máis de 40.000 visitas.
Por certo que o servizo MySpace tamén levou un premio polo seu carácter innovador, e non deixa de ser curioso que isto aconteza xusto no mesmo intre en que a revista Wired clasifícao entre aquelas iniciativas da Web 2.0 polas que non movería un dedo no caso de que precisasen algún tipo de colaboración. A este curioso feito, que nos reforza na nosa opinión de lelo absolutamente todo con vontade crítica (dende as etiquetas onde figuran os ingredientes dos alimentos ata os discursos dos líderes relixiosos), hai que unir outro que non pode pasar desapercibido: como é posible que tódolos galardoados nun certame coma este pertenzan só ó eido cultural anglosaxón? Acaso non hai máis música e máis Internet no mundo?