Música ao Vivo crea unha nova web máis funcional e informativa

mércores, 9 de abril do 2008 Raquel Noya

A Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) vén de crear un novo sitio web no que lle ofrece aos internautas información renovada sobre a axenda de concertos e dos grupos que configuran a programación deste circuíto de distribución musical promovido polo IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) en colaboración con Clubtura maila Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo.
Ademais dunha nova publicación de periodicidade semestral que se distribúe de balde nas salas da RGMV, a organización conta dende este mes de abril co devandito sitio web Musicaovivo.info, que recolle o calendario anual de concertos xunto con información detallada sobre as bandas e as salas. Asemade, conta cun apartado de documentación dende o que, entre outras cousas, se pode acceder ás imaxes dos grupos, consultar a normativa de funcionamento da Rede ou descargar a versión electrónica de Ao vivo música (a publicación impresa) e outro material.
Ao igual que a web Culturavai.info, carteleira electrónica da Rede Galega de Teatros e Auditorios e da Rede Galega de Salas, a web Musicaovivo.info ofrécelle aos usuarios a posibilidade de subscribirse para recibir de balde a axenda de concertos ou valorar os grupos programados (nunha escala do 1 ao 5) a través dunha votación que queda plasmada na páxina para comparala coa de outros usuarios.
Un total de 81 grupos e solistas -75 deles galegos- de diferentes estilos musicais actuarán en 2008 no marco da Rede Galega de Música ao Vivo, que chega ao seu segundo ano de funcionamento cun total de 576 concertos previstos en 47 locais de toda Galiza.
A partir de 2008, ademais, esta programación leva o nome de Carlos Humberto Díaz Pérez, en recoñecemento e memoria dun dos seus principais impulsores.

PUBLICIDADE