My Arcade recuperará os clásicos de Atari en formato portátil

venres, 3 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

My Arcade vai presentar no CES de Las Vegas a súa nova consola portátil, a Atari Gamestation Go, da que deixan ver un vídeo de adianto no que se aprecia que ten unha pantalla panorámica, botóns de disparo superiores (dous a cada lado), 4 botóns de disparo tradicionais, conectores USB-C para mandos externos, lector de tarxeta microSD, conector para auriculares, saída HDMI e, como sistema de control, aparte da cruceta tradicional, sorprende cun dial, un trackball e un teclado numérico plano.
Os sistemas de control tan curiosos responden a vellos xogos de Atari, que tiñan orixinalmente controis semellantes: por exemplo, as máquinas recreativas de Centipede e Missile Comand manexábanse cun Atari Trak-Ball, os xogos tipo Breakout manexábanse cun dial (Paddle), e os xogos Brain Games e Codebreaker precisaban de teclado numérico para funcionar.
Está previsto que a nova consola integre máis de 200 xogos de Atari 2600, Atari 5200, Atari 7800 e máquinas recreativas, todos con licenza oficial de Atari. Atendendo a anuncios anteriores de My Arcade enténdese que a nova máquina teña un prezo de 149 dólares, existindo actualmente unha versión doméstica chamara Atari Gamestation Pro que ten un prezo de 99,99 dólares, pero carece da diversidade de interfaces de control da futura versión portátil.

Vídeo de adianto da Atari Gamestation Go