MySpace abrirá a súa plataforma a programadores alleos á compañía

venres, 19 de outubro do 2007 Marcus Fernández

John Battelle conversando con Rupert Murdoch

Rupert Murdoch, presidente de News Corp., e Chris DeWolfe, conselleiro delegado de MySpace, anunciaron durante a súa participación no Cumio Web 2.0 que os programadores alleos a MySpace poderán ter acceso á súa plataforma, medida coa que pretenden contrarrestar a Facebook.
DeWolfe asegurou que nos vindeiros meses abrirán a súa plataforma, advertindo que están a traballar para «asegurar que as aplicacións son seguras», afirmando tamén que aínda que nos EE.UU. o seu principal rival é Facebook, en cada país teñen os seus propios competidores (entre os que tamén están Yahoo!, AOL e MSN), polo que teñen que estar adaptándose constantemente para non perder forza.
A plataforma de MySpace comezará por publicar un directorio de widgets de terceiros que se poderán engadir ás páxinas de MySpace, ó que seguirá o lanzamento real da plataforma, publicando a súa API correspondente, de xeito que os programadores poderán desenvolver pequenas aplicacións que se comuniquen co seu sistema e das que poderán tirar proveito económico.
Durante o encontro, John Battelle preguntou a Rupert Murdoch se consideraban que Google era unha ameaza para News Corp. ó que respondeu que «é unha ameaza e un amigo» matizando que teñen «boas relacións con Google» pero «é unha ameaza no sentido de que tódolos provedores de información son ameazas para os medios».
Murdoch tamén sorprendeu dicindo que MySpace achegará no vindeiro ano a News Corp. «entre 200 e 300 millóns de dólares» de beneficios.