Nace FilmConductor.eu, un portal dedicado ao cine de autor internacional

luns, 1 de decembro do 2008 Raquel Noya

Dende Barcelona e con “ambicións internacionais” vén de ver a luz a revista mensual Film Conductor, unha publicación en liña que ten como finalidade “abrir as portas de Europa aos internautas” a modo de club de seareiros do cinema de autor.
Como podo coñecer as películas de Sokurov, de Jia Zhang-Ke, de Gus Van Sant…? ou quen gañou tódolos festivais sen agardar 2 anos para que cheguen a España?” Son só algunhas das preguntas ás que se dan resposta en FilmConductor.eu.
Esta nova revista está publicada en catalán e castelán (e moi pronto en inglés) e pretende “coordinar os feitos do cine de autor en Barcelona” así como “divulgar en tempo real as creacións máis destacadas do cine que abrolla a nivel europeo e mundial”.
Conta cunha rede de correspondentes en diferentes cidades de todo o mundo como París, Berlín, Amsterdam, Roma, Nova York, Bos Aires ou Bombai e con colaboradores da talle do antropólogo barcelonés Manuel Delgado, que en cada número achega un “billete de humor” dedicado aos clásicos do cine de xénero.
Coa entrada do mes de decembro, Film Conductor vén de estrear o seu número 2, no que dedica unha reportaxe especial á nubel bag catalá e inclúe unha entrevista a Matteo Garrone, director da película revelación italiana, Gomorra.