Nace Wikisaber.es, un novo portal educativo para alumnos, mestres e familias

luns, 2 de marzo do 2009 Raquel Noya

Manuel Bragado, o director xeral de Edicións Xerais de Galicia e autor do blog Brétemas, vén de publicar unha entrada neste último que anuncia a presentación do novo portal educativo Wikisaber.es, unha web promovida por Intel Educación que terá lugar o vindeiro 11 de marzo en Madrid.
O novo portal ten carácter gratuíto e aposta, segundo Bragado, “polo ensino e aprendizaxe colaborativos”; asemade, anúnciase como concibido para ser empregado en tódolos cursos do ensino obligatorio e é accesible tanto para alumnos como para profesoarado ou familias.
Nembargantes, Manuel Bragado asegura que algúns contidos “son tradución e adaptación ao castelán doutros nativos en inglés” e non se advirte a presenza doutras línguas oficiais españolas na ferramenta.
Asemade, Bragado engade que Wikisaber “xa mantén un blog de noticias sobre o proxecto” e predí que “nos vindeiros meses han aparecer outras iniciativas de ofertas de contidos educativos electrónicos, formalmente vencelladas ao desenvolvemento da competencia dixital nas aulas”, que o autor seguirá e valorará con interese.