Nace a Cátedra da Zona Franca de Vigo centrada en computación de óptica cuántica

luns, 23 de marzo do 2026 S. P.

O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, subscribiron esta mañá o convenio para a creación da Cátedra Consorcio Zona Franca de Vigo de Computación Óptica Cuántica, acto ao que asistiron, entre outros, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a vicerreitora, Belen Rubio, e o director do Vigo Quantum Comunication Center (VQCC), Marcos Curty, ademais de representantes do tecido tecnolóxico, empresarial, científico, académico e social de Vigo.
A Cátedra, como dixo o delegado do Estado na Zona Franca “supón unha nova alianza estratéxica coa Universidade que tamén vai posicionar a área de Vigo como referente nesta tecnoloxía clave para a soberanía dixital e a transformación da economía”. Regades, salientou que “en Vigo estamos a consolidar a nosa posición como cidade na nova economía e os novos sectores industriais. Fixémolo coa fotónica e agora coa cuántica, outro novo sector que nace no mundo e coa que poderemos establecer sinerxías co proxecto SPARC e a planta de semicondutores fotónicos”.
O delegado sinalou que o reto desta Cátedra “será crear, promover e transferir o coñecemento científico e tecnolóxico en computación cuántica con tecnoloxía fotónica, ademais de atraer talento e contribuír a colocar a Vigo, Galicia e España na investigación de excelencia neste ámbito”.
Pola súa banda, o reitor mostrouse especialmente satisfeito de crear con esta cátedra un espacio de I+D+I “que debe ser útil para as empresas e para a sociedade”. No caso da Cátedra de Óptica Cuántica destacou que “permite un ecosistema neste terreo e ter voz propia nese eido, non só estar a escoitar, senón ser escoitados e, ademais, con capacidade de atraer talento internacional”, apuntou Reigosa, que recordou a conexión del VQCC coa Universidad de Oxford ao través dun dos maiores expertos mundiais en óptica cuántica, Alexander Lvovsky.
O director científico do Vigo Quantum Comunication Center (VQCC), Marcos Curty, informou que “con esta cátedra apoiarase a actividade do laboratorio experimental en computación cuántica que se creou recentemente no VQCC en colaboración co CESGA”. A computación cuántica, sinalou, “permite resolver problemas de maneira moito máis rápida que a computación clásica, por exemplo problemas matemáticos relevantes para a criptografía, a busca en bases de datos, a simulación de sistemas físicos complexos, a aceleración de algoritmos de aprendizaxe automática, ou a resolución de problemas de optimización en loxística, asignación de recursos ou planificación”.
Para o director do VQCC “o primeiro obxectivo do laboratorio nos próximos 3-5 anos será o desenvolvemento de procesadores cuánticos que nos permitan, precisamente, resolver problemas de optimización que teñan relevancia práctica de maneira moito máis rápida e eficiente que os computadores clásicos”.
Curty tamén sinalou que existen diversas tecnoloxías para desenvolver ordenadores cuánticos, “e nós inclinámonos por tecnoloxía fotónica porque é unha das máis prometedoras e porque os outros laboratorios experimentais que temos no VQCC son tamén en fotónica, o que nos permite atopar sinerxías e colaboracións entre os diversos grupos de investigación”.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero resaltou a relevancia do convenio, que dota de fondos, garante e mellora o traballo realizado ate agora do equipo de investigación do VQCC, e recordou como nos seus tempos a cuántica “era un soño”. Non quixo o alcalde deixar de reivindicar unha transformación tecnolóxica que non conte coa dimensión social: “Debemos crear emprego de calidade e reivindicar, especialmente nestes tempos difíciles que vivimos, una tecnoloxía e unha IA na que impere a dimensión humana e a social”.
Caballero recordou a intervención do Nobel de Economía 2024, Daron Acemoglu, ao seu paso polo Vigo Global Summit no pasado novembro na que defendeu unha IA “que potencie as capacidades humanas e non as substitúa”.
Inés González, directora xeral do Consorcio, tamén incidiu “na alianza estratéxica da Zona Franca coa Universidade de Vigo en todos aqueles proxectos que supoñen transferencia de coñecemento como xa ocorre coa Cátedra Ardán”.
A senadora e primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, fixo fincapé “na ambición dunha comunidade humana como é a de Vigo que liderada por Concello, Zona Franca e Universidade teñen claro como enfrontar o reto das tecnoloxías para exercer un liderado real”. Silva si chamou a atención “sobre o nesgo de xénero que teñen estes novos sectores e reclamou a presenza do talento de máis da metade do mundo nas tecnoloxías emerxentes e disruptivas”.
O convenio entre a Zona Franca e a UVigo, que entrará en vigor o 1 de xullo, ten unha vixencia de 4 anos e un financiamento de 240.000 euros ao ano, 120.000 aportará cada organismo, que será destinada a costear as horas do persoal investigador sénior postdoutoral que realizará as actividades previstas.