Nace na Rede unha radio temática con flamenco as 24 horas

mércores, 1 de outubro do 2008 Raquel Noya

A compañía de Radio Televisión de Andalucía (RTVA) vén de inaugurar unha radio temática de flamenco que ao longo das 24 horas do día ofrecerá, exclusivamente, este tipo de temas que tanto caracteriza aos españois (para ben ou para mal) alén das súas fronteiras.
Canal Flamenco Radio.com, que así se fai chamar este vello proxecto radiofónico con soporte en Internet, xorde da arela de Manolo Casal, director de Canal Sur Radio, por crear unha fórmula afastada dos intereses comerciais; algo que tiña nas súas previsións dende anos atrás.
Canal Flamenco, que conta cun soporte visual que lle permitirá estar accesible en calquera curruncho do planeta, segméntase en palos e intérpretes para que a distribución sexa atractiva. Un programa informático permite repartir as miles de interpretacións almacenadas para que o oínte goce de sons distintos ao longo da grella diaria.
Cantadores de tódolos tempos, dende gravacións antigas ata destacados valores recentes, conxúganse nesta emisora temática virtual que ten como principal obxectivo difundir o flamenco por todo o mundo e converterse en referencia para os afeccionados a este tipo de música.
O seu carácter especializado converte a esta emisora nunha atractiva ferramenta para os amantes do flamenco, e incluso para aqueles que non coñecen este estilo musical e buscan novos xeitos de expresión a través da canción.
Canal Flamenco Radio.com vén de sumarse, asemade, ao resto de ofertas radiofónicas da RTVA, a xeneralista Canal Sur Radio; Canal Fiesta Radio, con música comercial, e Radio Andalucía Información, canle de novas tamén por Internet.