Nace o Bamboo Mini Zzing, unha ferramenta para facer soar vasos virtuais
mércores, 29 de abril do 2009
Imaxina varios vasos cheos de auga; que
pasa se fregamos os seus bordos ous os golpeamos cunha vara metálica? Pois que
creamos sons (non creo que sexa axeitado chamarlle música ao que sae daí).
Evidentemente, temos que estar moi aburridos (ou moi inspirados) para non ter
máis que facer e probar a facer soar vasos; tan aburridos e ociosos como para
probar unha nova Bamboo Mini, a Zzing,
que xa está dispoñible na web oficial para a súa descarga de balde no
ordenador.
Esta ferramenta permite crear diversos
sons e efectos visuais fregando e golpeando cada vaso de auga virtual a través
dun lapis Bamboo. Tan só hai que modificar o nivel de auga nos vasos para
comprobar en liña a diferenza que se acada tanto no ton coma no volume adquiridos
mediante o golpeo dos mesmos.
Os creadores da ferramenta aseguran que
Bamboo proporciona “un modo creativo e
mellorado de usar un ordenador” (aínda que tamén de perder o tempo) e
engaden que é unha maneira “natural,
excitante e creativa de empregar a
tecnoloxía para expresar ideas e comunicarnos dunha maneira máis persoal
e única”.
Trátase dunha familia de pen tablets para o consumidor: Bamboo, Bamboo Fun e Bamboo One, que veñen provistas dun lapis ergonómico (que non
precisa nin batería nin cables), e dun software adicional para escribir ou
debuxar o que queiramos.
Os Bamboo Minis son unha serie de
pequenas ferramentas para o escritorio, que permiten que os usuarios fagan
centos de cousas (todo o que a cabeza dea de si), dende pintar garabatos e
facer bosquexos de debuxos, ata engadir texto manuscrito nun mapa ou gozar de
xogos do máis aditivo (tales como o devandito Zzing ou o coñecido Mah Jongg).
