Nace unha plataforma virtual que mira polas linguas en perigo de extinción

xoves, 21 de xuño do 2012 Raquel Noya

A Galipedia di que falar dunha lingua en perigo de extinción “é referirse a aquelas linguas do mundo que son susceptibles de desaparecer por varias cousas”, entre as que cita a substitución desa lingua por outra, a desaparición física dos falantes e tamén a desaparición da transmisión familiar.
Algo semellante a isto é o que lle pasa ao galego (aínda que queiramos facer que non o vemos), porén tamén a outras moitas linguas do mundo que por algún dos motivos citados anteriormente, están chamadas a desaparecer co tempo.
Para evitar que isto suceda vén de crearse en Internet o Proxecto de linguas en perigo de extinción, unha plataforma na que podemos atopar e compartir a información máis completa e actualizada sobre os idiomas en vías de extinción.
En España, as tres linguas que están nesta situación, e que achega a devandita web, son o aragonés, o asturiano ou bable e a lingua de signos catalá, sendo a primeira delas a que se atopa unha situación máis vulnerable.
Documentar as máis de 3.000 linguas que din estar a punto de desaparecer é un dos obxectivos que se propuxo acadar o equipo de desenvolvedores da plataforma (que conta coa colaboración de Google no seu desenvolvemento), buscando así a forma de “preservar a diversidade, honrar os coñecementos dos nosos maiores e enriquecer o futuro dos mozos e mozas”, indican.
O que se trata é de que a persoas interesadas en preservar as linguas en perigo de desaparecer poidan atopar un nexo de unión na Rede, no que compartir e acceder a investigacións sobre o tema, aportar suxerencias e establecer colaboracións con outros internautas.
As novas tecnoloxías xogan un papel moi importante neste proxecto, permitindo, entre outras cousas, a achega de vídeos de alta calidade cos falantes dun idioma, mostras de linguas en arquivos de audio e mesmo material que poida favorecer a aprendizaxe de idiomas.
Trátase, en resumo, dun espazo colaborativo aberto a toda a comunidade internauta, no que tódalas persoas interesadas poden achegar os seus coñecementos ou aportar o que consideren de utilidade para que ningunha lingua do mundo desapareza nunca máis.


Vídeo de presentación do proxecto

PUBLICIDADE