Naruto Shippuden: Ultimate Ninja Storm 3 terá edicións limitadas en Europa

martes, 30 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Os seguidores de Naruto están a agardar con impaciencia que no mes de marzo cheguen as súas últimas aventuras á súa consola de videoxogo, e moitos comezarán xa a reservar as súas edicións limitadas das que imos poder gozar en Europa, estando xa dispoñibles dende as tendas en liña británicas de Amazon e Zavvi, incluíndo extras que agradecerán os máis fieis seareiros desta franquía que aspiraba a converterse na sucesora de As Bolas Máxicas.
Naruto Shippuden: Ultimate Ninja Storm 3 terá por unha banda unha Will of Fire Editionque incluirá o xogo, a súa banda sonora, unha carta coleccionable, un poster de dúas caras, un contido descargable consistente nun disfrace de Son Goku para Naruto e unha figura de Naruto de 16 centímetros de alto, podendo xa encargarse por pouco máis de 56 libras esterlinas (uns 70 euros) nas súas versións de Xbox 360 e PlayStation 3 no Amazon británico.
A outra edición limitada dispoñible é a True Despair Edition, que muda o deseño do poster incluído e substitúe a figura de Naruto por unha de Sasuke, que en Zavvi figura a 100,45 euros nas súas versión de Xbox 360 e PlayStation 3, diferenza de prezo con respecto da outra edición que resulta difícil de xustificar, polo que non sería de sorprender que nas vindeiras semanas algunha das dúas mudase o seu prezo.

A versión do xogo que venden en Zavvi inclúe unha figura de Sasuke

PUBLICIDADE