Naturgy investiu 217 millóns en 2025 no reforzo e dixitalización das súas redes en Galicia

xoves, 12 de marzo do 2026 S. P.

Mónica Puente, directora de Redes Electricidade España de Naturgy

UFD, a distribuidora de electricidade de grupo Naturgy, investiu 217 millóns en 2025 na dixitalización e mellora das súas máis de 61.300 quilómetros de rede en Galicia, un incremento do 18% con respecto á media de investimento dos últimos cinco anos.
Segundo explica a operadora eléctrica, “esta cifra é o 53% de todos os investimentos que a compañía destinou durante o pasado ano ás súas redes eléctricas a nivel nacional”.
Desde 2021, “os investimentos de UFD superaron os 913 millóns de euros na Comunidade, co foco posto na mellora da calidade de servizo aos seus clientes e o fortalecemento da infraestrutura”, engadiu Naturgy, detallando que estes investimentos estiveron orientadas principalmente a avanzar en dixitalización, fomentar a innovación e a implementación de tecnoloxías avanzadas en telemedida e telexestión dos puntos de subministración, así como no telecontrol e a sensórica das redes.
Ademais, UFD está a investir en ampliar a capacidade da súa rede para dar entrada a nova demanda e continuar mellorando a subministración dos seus 1,6 millóns de clientes na Comunidade. Unha parte dos investimentos realizados en dixitalización foron financiadas pola Unión Europea a través do Programa NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia elaborado polo Goberno de España.
Nun plano máis concreto, o traballo realizado pola compañía permitiu “a mellora da calidade do servizo medida a través do tempo de interrupción equivalente á potencia instalada (TIEPI)”. Este indicador en Galicia é un 14% mellor que hai cinco anos, ata situarse nun tempo de interrupción media do servizo de 43,8 minutos en 2025, “o que ilustra unha mellora constante cara a os ambiciosos obxectivos de calidade marcados pola compañía”, engadiu esta.
“UFD volveu situar os seus investimentos en 2025 no nivel máximo que nos permite o regulador e a nosa vocación é seguir facéndoo nos próximos anos para mellorar a resiliencia da nosa infraestrutura, ampliar a súa capacidade e avanzar en dixitalización”, afirmou Mónica Puente, directora de Redes Electricidade España de Naturgy.
En 2025, entre outras actuacións de mellora das súas instalacións, na provincia da Coruña a compañía adecuou a subestación de Tambre, instalou novas posicións na subestación de Palmeira, en Ribeira, e ademais renovou a liña de alta tensión Vilar do Colo-Eume. Na provincia de Pontevedra, adecuou as subestacións de Lalín, Atios, A Estrada e Vilagarcía; e soterrou parte da liña de alta tensión Mourente-Pontesampaio.
Ademais, a compañía adecuou as subestacións do Barco de Valdeorras (Ourense) e de Chantada (Lugo), executou a primeira fase de liña de alta tensión de Lugo a Fibranor e reforzou diversas liñas de media tensión nestas dúas provincias, como as de Monterrei, Xunqueira de Espadañedo e Castrelo do Val (Ourense) e Navia de Suarna e Becerreá (Lugo).
Durante 2026, a compañía seguirá evolucionando a súa Plataforma Dixital de Servizos como espazo onde os usuarios poden realizar todas as súas xestións desde calquera dispositivo, a calquera hora e desde calquera lugar, e como principal punto de contacto entre os diversos axentes do sistema eléctrico.