Netflix celebra os seus 10 anos en España anunciando investimentos de máis de mil millóns de euros

martes, 10 de xuño do 2025 Redacción

Netflix reforza o seu compromiso coa industria audiovisual española cun investimento de máis de mil millóns de euros entre 2025 e 2028, tal e como anunciou Ted Sarandos, co-conselleiro delegado da plataforma, durante un acto celebrado no seu centro de produción de Tres Cantos (Madrid), o maior da compañía na Unión Europea. O evento contou coa presenza do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e do ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López.
A compañía, que celebra unha década desde a súa chegada a España, destacou a importancia deste país como punto estratéxico da súa actividade global. Dende 2017, Netflix estrea máis de mil títulos producidos no Estado, rodados en máis de 200 localidades de todas as comunidades autónomas. Esta actividade, segundo Sarandos, xerou máis de 20.000 empregos no sector audiovisual español.
Durante o seu discurso, Sarandos subliñou o impacto cultural global de series como La casa de papel, Élite ou La sociedad de la nieve, así como a contribución española á identidade creativa de Netflix. «Estas historias foron creadas en España, por talentos españois e para a audiencia española», afirmou.
O executivo tamén puxo en valor as instalacións de Tres Cantos, con dez estudios, 22.000 metros cadrados e un centro pioneiro de posprodución, como exemplo do compromiso a longo prazo da empresa. Alí rodáronse producións como Berlín ou El refugio atómico, de Álex Pina e Esther Martínez Lobato, que verá a luz este ano.
«España non só destaca polo seu patrimonio cultural e o seu talento creativo, senón que é un magnífico lugar para facer negocios», engadiu Sarandos, agradecendo o apoio institucional e a existencia dun marco regulador que «fomenta a creatividade e a innovación».
Con este novo investimento, Netflix prevé ampliar a súa actividade, promover o talento emerxente e contribuír á economía local apuntando que «os vindeiros dez anos serán aínda máis emocionantes».

Vídeo de celebración dos 10 anos de Netflix en España