Netflix confirma o éxito do vídeo baixo demanda

mércores, 27 de abril do 2011 Marcus Fernández

Reed Hastings, director xeral de Netflix

O vídeo baixo demanda está a consolidarse nos EE.UU. grazas a servizos coma Netflix, que vén de anunciar os seus resultados para o primeiro trimestre do ano, período no que ingresaron 719 millóns de dólares (490 millóns de euros), o que supón un incremento do 46% e uns beneficios de 60,2 millóns de dólares (41,1 millóns de euros), o que confirma o éxito do seu modelo de negocio consistente nunha tarifa plana de películas e series de televisión a través de streaming tanto dende o ordenador como de distintos dispositivos conectados (televisores, reprodutores de Blu-ray, consolas de videoxogos…).
Curiosamente Netflix naceu dun servizo de aluguer de películas en DVD (que se remiten por correo), que continúa activo, aínda que perdendo pulo por primeira vez na historia da compañía, como signo de que o DVD está a morrer como soporte. Pese a que inicialmente a transición do DVD ao streaming traducíase nun aforro de custos transporte importantes, os responsables da compañía quéixanse de que están a subir os prezos dos contidos mediante streaming, de xeito que a empresa está a medrar a unha velocidade menor da esperada.
O volume de clientes do servizo tamén experimentou un incremento notable, pasando de 14 a 23,6 millóns, o que podería mellorar aínda máis coa expansión internacional que a compañía prevé durante este ano. Actualmente Netflix chegaría ao 7% dos norteamericanos, superando ás principais operadoras de televisión por cable nos EE.UU., e incluso preparando contidos exclusivos para os vindeiros meses (como a serie House of Cards de David Fincher, que chegará a Netflix antes das plataformas audiovisuais tradicionais).

PUBLICIDADE