Netflix confirma que está a traballar nunha tarifa con publicidade

luns, 27 de xuño do 2022 Marcus Fernández

O director xefe de contidos de Netflix, Ted Sarandos, confirmou que a súa compañía está a preparar unha tarifa para o servizo de streaming que incluiría publicidade para poder ter así un prezo máis axustado, o que iría en contra da política que tiña establecido Netflix dende os seus comezos.
Este cambio de rumbo de Netflix respondería ao feito de que tería chegado ao seu teito de número de usuarios, iniciando xa a súa senda descendente (prematuramente por mor do cesamento de actividades en Rusia), e para poder manter a súa posición no mercado precisa seguir medrando, de aí que agora pretenda ampliar o seu público obxectivo.
A incorporación de publicidade en Netflix supón todo un reto, xa que a compañía precisa socios no mercado publicitario, para o que está a manter conversas con varias compañías. Sosteñen que a publicidade melloraría os ingresos e ampliaría o número de usuarios, o que permitiría que Netflix puidese manter a súa posición actual como referente global do streaming, mercado que aseguran que aínda ten moita marxe de crecemento, xa que o consumo audiovisual tradicional continúa a ser maioritario.

PUBLICIDADE