Netflix estreará mundialmente Las Chicas del Cable o 28 de abril

venres, 17 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

A primeira serie televisiva de Netflix producida en España píllanos moi de preto, pois non só recaeu na compañía de orixe galega Bambú Producciones (con éxitos como Velvet, Gran Hotel e Seis Hermanas), senón que tamén toca o sector tecnolóxico xa que as súas protagonistas son operadoras de Telefónica en Madrid en 1928, polo que servirá tamén para ilustrar os primeiros anos da telefonía fixa en España.
Até o momento desta nova serie, Las Chicas del Cable, coñeciamos poucos detalles, como que as catro mozas protagonistas (interpretadas por Blanca Suárez, Nadia de Santiago, Ana Fernández e Maggie Civantos) proveñen de contornos moi diferentes e na súa nova carreira como operadoras vivirán celos, envexas e traizóns, así como ganas de trunfar, amizade e amor; e que estaría composta por episodios de 50 minutos dos que se estrearían 8 este ano e 8 o ano que vén; faltando por coñecerse un dato tan importante como a súa data de estrea, que por fin desvelouse hoxe, xa que o seu teaser serve para anunciar que a estrea mundial da serie será o 28 de abril.
Cómpre destacar que na serie tamén veremos a Ana Polvorosa, Yon González, Nico Romero, Borja Luna, Sergio Mur, Concha Velasco e a Martiño Rivas entre outros intérpretes que conforman un elenco que escribirá un novo capítulo na historia da televisión estatal.

Vídeo de adianto de Las Chicas del Cable

PUBLICIDADE