Nintendo Labo introducirá á Switch na realidade virtual

xoves, 7 de marzo do 2019 Marcus Fernández

O ano pasado Nintendo sorprendeu cun novo xeito de xogar coa Switch mediante cartóns que facilitaban un dobre divertimento: por unha banda podíase xogar a construír accesorios para a consola, e logo tamén podían empregarse estes accesorios para xogar. Esta primeira xeración do Nintendo Labo permitía converter a Switch nunha moto, nunha cana de pescar, nun piano ou incluso nun sistema de control dun robot, pero o vindeiro 12 de abril chegarán novos kits que desta volta apostarán pola realidade virtual, poñéndoa ao alcance de toda a familia.
O Kit de VR é o cuarto kit da serie Nintendo Labo, que permitirá construír até 6 accesorios Toy-Con que cobrarán vida grazas á tecnoloxía da Nintendo Switch, entre os que destaca o visor VR, un accesorio semellante ao cartón de Google, que aproveita a pantalla da consola para achegar imaxes a un casco de realidade virtual de baixo custo.
Os accesorios que poden crearse co Kit de VR de Nintendo Labo son o Visor VR, un desintegrador, unha cámara, un elefante, un paxaro e un abanico de pé, dispoñibles todos no set completo, aínda que tamén será posible mercar o set básico con desintegrador ao que engadir as expansións opcionais que inclúen o elefante e a cámara, e o abanico de pé e o paxaro.

O kit básico de VR inclúe un desintegrador e o visor VR que amplían as posibilidades da Nintendo Switch

PUBLICIDADE